Así é frecuente a aparición nos medios de comunicación de novas relacionadas coa utilización inapropiada, e moitas veces ilegal, dos recursos da rede por parte de menores. Se ben é certo que estes casos son os menos, tamén é verdade que non deixan de ser preocupantes e que reflicten unha realidade que debemos asumir: os comportamentos no mundo virtual da rede son practicamente iguais aos que se producen a cotío na vida real, pero veñen agravados pola circunstancia da facilidade para o anonimato.
Cremos, por tanto, que a educación do cidadán dixital ten que ser parella á educación da propia persoa e ao coñecemento da utilización técnica e práctica das ferramentas e dispositivos tecnolóxicos que desenvolvamos na aula.
-
OBXECTIVOS. A proposta pretende conquerir do alumnado:
- Descubrir a importancia da seguridade na rede.
- Desenvolver actitudes preventivas.
- Conseguir hábitos de autoprotección.
- Coñecer as normas elementais de comportamento na rede.
- Adquirir as pautas de seguridade propias da navegación e a utilización de aparellos dixitais.
- Valora a influencia das TIC nas condicións de vida e no traballo.
- Utiliza métodos de control autonomamente para dosificar o tempo de utilización da tecnoloxías dixitais.
- É quen de xestionar con seguridade os datos persoais.
- Coñece e amosa interese pola utilización das normas de seguridade persoal na rede.
- Valora a importancia do respecto ás demais persoas e usuarios/as da rede, nos ámbitos de intimidade e propiedade intelectual.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN:
Inicio
“A medida que cada vez é maior a cantidade de información de carácter confidencial que gardamos electronicamente, debemos xerar a estratexia correspondente para protexela. Os estudantes deben aprender a protexer os datos electrónicos (por exemplo, virus, corta-lumes e almacenamento fóra de liña en disquete, CD… ). Protexer o equipo persoal non soamente indica responsabilidade de parte do usuario senón que responde á necesidade de protexer a comunidade. Por exemplo, mantendo actualizado o antivirus. Pero a seguridade vai máis alá da protección dos equipos. Inclúe protexernos a nós mesmos e a outros de influencias externas que poden causarnos danos físicos.” [Eduteka. Cidadanía dixital]
A seguridade na rede ven, xa que logo, definida por tres elementos a considerar:
Seguridade dos dispositivos: coñecer a marxe de vulnerabilidade que estes aparatos teñen no seu uso en conexión á rede é fundamental para elaborar os hábitos de coidado e mantemento imprescindibles. Aínda que a proliferación de dispositivos é cada vez maior as características de uso da rede son as mesmas, polo que os aspectos a desenvolver a nivel educativo non deberían de supoñer un problema.
Seguridade dos datos: ata a expansión da internet a única preocupación dos usuarios e usuarias de equipos informáticos era a de manter unha certa seguridade no almacenamento de documentación para non perder horas de traballo e información valiosa. Agora a rede nos proporciona a posibilidade de ter esa documentación na “nube”, facilitándonos ademais o acceso sen condicionamentos relativos a dispositivos, espazos nin tempos, pero a cambio esíxenos ter que subministrar datos persoais continuamente para os rexistros nas distintas plataformas da web (nome de usuario/a, contrasinal e, demasiadas veces, outros complementarios totalmente privados). É preciso saber como facelo para non facilitar aqueles que poidan utilizarse de maneira inapropiada, pero tamén é importante salvagardar os que son precisos para identificarse posto que a súa perda ou uso descoidado poden dar pé a inxerencia de outros/as nos nosos espazos persoais.
Seguridade persoal: é a parte máis vulnerable na etapa infantil. A inxenuidade propia da idade do noso alumnado nunha rede chea de xentes anónimas, que aínda que na súa maioría sexan usuarios e usuarias sen máis intención que a de gozar como calquera da impresionante oferta de recursos da internet, poden poñer en perigo a intimidade e no peor dos casos a saúde mental dos nenos e nenas e as súas familias. É importante crear as pautas de comportamento precisas para poder defenderse autonomamente no medio, ao igual que o facemos co medio físico no que vivimos tratando de que coñezan e entendan os perigos propios do mesmo.
Inicio
A actividade propón cinco elementos para o tratamento da seguridade na rede tomados de diferentes achegas existentes na web 2.0:
1.Seguridade: Trata de enmarcar a cuestión, suxerindo cales son os problemas máis frecuentes que se poden producir na internet e proporciona, a través dun vídeo, 10 claves para a súa utilización dentro dos parámetros de seguridade.
2.Vídeos: Neste apartado, e tamén con apoio audiovisual, trátase de concienciar e provocar o debate no alumnado sobre tres cuestións importantes: a seguridade dos dispositivos informáticos, a seguridade persoal e o respecto aos demais e a súa intimidade.
3.Glosario: Coñecer a terminoloxía técnica dos elementos relacionados coa seguridade é parte da formación dos nosos alumnos e alumnas. Por iso propoñemos introducilos a través dun sinxelo xogo de sopa de letras para que nos posibiliten o seu tratamento na aula.
4.Conclusión: Insistindo na seguridade persoal, e para provocar a reflexión do alumnado, propoñemos un test de tres bloques que pode servir como síntese do traballado ata o momento.
5.Para sabernos máis: E como complemento a todo isto propoñemos unha actividade interactiva que, ademais de repasar todos os elementos analizados no módulo, aporta pautas e recomendacións (en positivo) de cómo mellorar os aspectos comunicativos, de traballo e mesmo de diversión na rede.
Inicio Actividades
Guía completa da actividade (pdf)
Tamén podes atopar esta documentación no escritorio virtual do proxecto.