Que é Edmodo?

 

 

Edmodo é unha rede social pensada e deseñada para o traballo educativo. O seu funcionamento é moi semellante a outras redes sociais, pero está dotada dunha serie de características propias que fan dela unha ferramenta especialmente atractiva e útil no ensino. Destacamos as seguintes:

  • É gratuíta. Calquera profesional pode utilizala libremente.

  • Pechada. Só poden acceder os profesores e o alumnado que o creador de cada actividade permita.

  • Segura. O alumnado non ten que ingresar datos persoais comprometedores, como moito o nome de pila. Sempre está supervisada polo profesorado que ten acceso a todas as publicacións dos seus alumnos e alumnas.

  • Deseño atractivo. En permanente actualización e moi intuitiva.

  • Multilinguaxe. Actualmente ofrécese en varios idiomas, entre eles o castelán. O galego aínda non forma parte da súa oferta pero cónstanos que hai iniciadas conversas por parte dun grupo de educadores para que nun futuro próximo sexa unha realidade.

  • Permite o traballo colaborativo. Esta é a súa principal función, e as ferramentas que pon a disposición do profesorado e do alumnado van encamiñadas nesta liña.

  • Facilita o contacto entre profesionais. Permite establecer contacto con outros profesionais usuarios de Edmodo para colaboracións entre distintos centros ou para intercambios de información, axudas...

  • Seguimento familiar. Ademais da participación de profesorado e do alumnado tamén permite que os pais e nais dun alumno ou alumna poidan ver as tarefas do seu fillo/a e facer un seguimento das súas calificacións nos procesos desenvoltos a través desta rede (é importante resaltar que só teñen acceso aos datos do seu fillo/a e que non teñen posibilidade de intervir no grupo, nin sequera enviar mensaxes).