Ferramentas principais

 

As principais ferramentas de traballo que nos ofrece son:

Comúns a profesorado e alumnado

  • Espazo de comunicación. Como calquera rede social podemos enviar mensaxes a todo o grupo ou a persoas en particular. Estas mensaxes poden incluír ademais imaxes, vídeos ou sons inseridos (con código embed) o que facilita a presentación de contidos sen ter que saír de Edmodo, e tamén permite crear e compartir enlaces a páxinas e espazos de interese. As mensaxes privadas (é dicir, individuais) entre o profesor e un alumno/a só son visibles por ambos, o que significa un alto grado de discreción, pero as mensaxes privadas entre o alumnado tamén son visibles polo profesorado (facilitando o seguimento e control do uso correcto da ferramenta). Ademais as mensaxes poden ser etiquetadas para unha clasificación e localización doada con posterioridade. As mensaxes ordénanse cronoloxicamente, aparecendo as máis recentes en primeiro lugar.

  • Axenda. Cada grupo dispón dunha axenda onde rexistrar eventos tanto colectivos, para todo o grupo (avisos de actividades, controis, actos especiais, recordatorios...), como privados (só visibles para o profesor/a autor/a e destinatario/a). O alumnado tamén pode crear na axenda anotacións persoais.

  • Biblioteca. Dado que o bo funcionamento dunha rede social implica multitude de mensaxes, enlaces, documentos... precisa tamén de ferramentas para organizalos, clasificalos e permitir unha recuperación áxil e cómoda de todos os recursos de interese en cada momento. Esa é a finalidade da biblioteca. Na mesma podemos ver todos os contidos anexos as mensaxes, permítenos crear carpetas, gardar eses contidos nas mesmas e recuperalos dende elas sen ter que buscalos entre as mensaxes (só pode crear carpetas compartidas para o grupo o profesorado, o alumnado dispón dunha "mochila" persoal para organizar os seus recursos particulares).

  • Configuración do perfil. Onde podemos personalizar unha imaxe do perfil e onde aparecen tamén os contactos establecidos entre o profesorado. Tamén podemos cambiar o contrasinal se é preciso.

Para o profesorado

O profesorado dispón de ferramentas propias do seu rol para a xestión e control dos grupos.

  • Xestión. Podemos crear novos grupos. Cada grupo xera un código que será o dato que teñen que utilizar os alumnos/as para rexistrarse no mesmo (este código pode cambialo o profesor sempre que lle pareza oportuno, para garantir a seguridade). Ademais dentro de cada grupo pódense xerar outros máis pequenos para o desenvolvemento de tarefas de equipo, o que é dunha gran utilidade xa que evita as interferencias e molestias que puidera ocasionar a diversificación de mensaxes entre o alumnado que está a traballar en procesos diferentes ao mesmo tempo.

  • Asignación. Permítenos crear tarefas para todo o grupo, para os grupos pequenos ou para un alumno ou alumna en concreto. A través dunha asignación crease un botón visible para o alumnado, que terá que entregar o seu traballo a través do mesmo,  facilitando a centralización dos envíos. Nas asignacións figuran ademais os datos relativos ao proceso que hai que desenvolver, consellos e datas orientativas ou definitivas de entrega. Todas as asignacións aparecen tamén na axenda dos grupos ou, se é o caso, na axenda individual.

  • Cualificación. As tarefas desenvoltas a través das asignacións poden ser avaliadas, comentadas e incluso permite a devolución para a mellora e repetición das mesmas. Toda esta información é accesible ao alumnado (cada quen á súa, e só á súa).

  • Seguimento dos procesos. Para facilitar o seguimento dos grupos o profesorado conta cunha estatística de cada alumno/a (tarefas desenvoltas, pendentes, cualificacións...).

  • Control de usuarios/as. É doado que un alumno ou alumna esqueza o seu nome de usuario ou a súa contrasinal. Por iso o profesorado ten posibilidade de acceder aos datos dos alumnos e alumnas podendo saber cal é o nome de usuario/a e anular o contrasinal (que non pode ver, só pode eliminalo e cambialo para que acceda o alumno/a e o cambie novamente dende o seu perfil). Por suposto tamén temos a opción de dar de baixa a un usuario/a ou de eliminar un grupo completo.

  • Gratificacións simbólicas. Pódense crear símbolos que fagan de gratificacións para outorgar ao alumnado durante os procesos de aprendizaxe para incentivar e motivar o entusiasmo e a satisfacción do traballo ben feito (o que Edmodo denomina "insignias"), do tipo de: "creativo, interesante, solidario, xeneroso, enxeñoso...". Este tipo de simboloxía pode moitas veces substituír as cualificacións tradicionais.

Propias do alumnado

Ademais das ferramentas comúns xa comentadas, o alumnado ten opción de:

  • Ver a biblioteca. O alumnado ten acceso á biblioteca creada polo profesorado para o seu grupo. Pode ver todos os arquivos, vídeos, documentos... arquivados na mesma.

  • Seguimento do seu progreso. Dende un botón, o alumnado pode ver toda a información sobre as súas tarefas entregadas, cualificacións, gratificacións...

  • Seguimento de participación. Pode seleccionar este modo de visión de mensaxes para ver a súa participación, excluíndo todas aquelas nas que non teña participado.

  • Mochila persoal. Para crear a súa propia biblioteca privada, con documentación do seu interese. Así pode arquivar material de traballo para o seu estudo que logo poderá publicar ou non para o resto do grupo. Admite imaxes, documentos en distintos formatos, enlaces...

  • Código familiar. Este código é único e persoal para cada alumno/a. Se os pais o utilizan poderán facer un seguimento da súa actividade en Edmodo, como xa comentamos.