Webquest:Minititorial Plan Avanzaun achegamento rápido

Os contidos aquí expostos están elaborados a partires da documentación do proxecto Lanzadeira1.

Para comezar

1.- QUÉ SON AS WEBQUEST?

As webquests foron desenvolvidas inicialmente en 1995 por Bernie Dodge, profesor de Tecnoloxía Educativa na Universidade Estatal de San Diego (EE.UU.) en colaboración con Tom March e descritas en "Some Thoughts About WebQuests". Desde entón estanse a converter nunha das principais técnicas de uso e integración de Internet na escola.
En verbas dos seus deseñadores as webquests son actividades de investigación onde a información usada polos estudantes provén, na súa maior parte, de Internet. As webquests foron ideadas para que os estudantes rendabilicen o tempo dirixindo os seus esforzos no uso da información (en vez de na súa busca) e reforcen os procesos intelectuais de análise, síntese e avaliación .
O deseño dunha webquest require dun esforzo que se ve compensado porque, unha vez realizada, o profesorado pode adicarse a traballar cos estudiantes animando procesos, favorecendo o intercambio de opinións e informacións, etc... En consecuencia, as webquests relevan ó profesor do papel de "sabio", de fonte principal de información na aula.

O Papel do profesorado

2.- CAL É O PAPEL ENCOMENDADO AO PROFESORADO?

O profesorado pode intervir dos seguintes xeitos:

  • Poñendo en práctica webquests existentes na Rede. O profesorado asume un papel dinamizador e acompaña ao alumnado na resolución das tarefas encomendadas por unha WQ deseñada por outro/a profesor/a.

  • Adaptando webquest existentes. Se queres profundar neste proceso podes ler o documento sobre adaptación e mellora de WQs existentes elaborado por Bernie Dodge

  • Creando webquests propias para incorporalas á rede. Trátase de asumir o papel de autor/a de WQs, deseñando tarefas que motiven ao alumnado e promovan unha aprendizaxe significativa. Para máis información lee a resposta á pregunta ¿QUÉ PASOS TEÑO QUE DAR PARA FACER A MIÑA PROPIA WQ?

Estrutura dunha Webquest

3.- DE QUE PARTES CONSTA UNHA WEBQUEST?

Segundo o seu autor, deseñar unha webquest é semellante a elaborar calquera clase de unidade didáctica. O enunciado da actividade debe orientar aos alumnos, dándolles unha tarefa factible e interesante, ofertándolles os recursos e as orientacións necesarias, describindo como serán avaliados, e finalmente resumindo e "xeralizando" a lección.

Segundo os seus destinatarios podemos diferenciar entre a webquest do alumnado e a proposta para o profesorado

Webquest do Alumnado

Introdución

A introdución ten dous obxectivos:
a) Orientar ao alumno sobre o que se vai atopar.
b) Incrementar o seu interese pola actividade facendo que semelle atractiva, importante para futuras tarefas, divertida....

Tarefa

Neste apartado proporciónase ao alumno unha descrición do que terá que ter feito ao finalizar o exercicio. Pode ser un conxunto de páxinas Web, unha presentación con Power Point, ou tal vez unha presentación verbal na que poda ser capaz de explicar un tema específico.

Proceso

Neste apartado suxírense os pasos que os alumnos deben seguir para completar a tarefa, e que poden incluír estratexias para dividir a tarefas en subtarefas, descrición dos papeis ou perspectivas que os estudantes deben adoptar,...O profesor pode tamén engadir orientacións sobre a aprendizaxe, ou sobre procesos de dinámica de grupos tales como a forma de levar unha sesión de chuvia de ideas ("brainstorming"). A descrición do proceso debería ser breve e clara.

Recursos

Nesta sección proporciónanse unha lista de páxinas Web,que o profesor localizou previamente, e que axudarán aos alumnos a realizar a tarefa; a preselección deste tipo de recursos permite que os alumnos se centren no tema, en lugar de navegar pola rede "sen rumbo". Aínda que as webquests utilizan a Rede como recurso fundamental para obter información, este principio non é excluinte. Para o autor é importante que se teña en conta que os recursos non teñen porqué estar restrinxidos á Web.

Avaliación

Dependendo do nivel dos alumnos e do tipo de actividade farase unha descrición sobre que se vai avaliar e de como se fará. É frecuente o uso de rúbricas para plasmar os criterios de avaliación.

Conclusión

Esta sección proporciona a oportunidade de resumir a experiencia, animar á reflexión sobre o proceso e xeralizar o que se aprendeu. Non é unha parte crítica de todo o conxunto, pero proporciona un punto final á actividade. Pode ser interesante, nesta sección, suxerir preguntas que un profesor podería facer nunha discusión aberta con toda a clase.

Webquest do Profesorado

Na sección dirixida ó profesorado inclúese información útil para que outros profesores poñan en práctica a actividade. Distínguense as seguintes partes: Introdución, destinatarios, relación co curriculum, implementación, recursos, avaliación, conclusión e créditos

Unha proposta novedosa

4.- CAL É A SÚA ORIXINALIDADE?

A orixinalidade desta proposta consiste en combinar con acerto a aprendizaxe significativa, o traballo por proxectos, os xogos de simulación e o mundo de Internet en todas as súas potencialidades.
As WQs diferéncianse doutras experiencias baseadas na Rede en que se sustentan sobre unha concepción constructivista da aprendizaxe e fomentan o traballo colaborativo.

Metodoloxía constructivista:

O principal obxectivo das WQs é facer pensar ós estudiantes. Unha WQ non é un modelo para que os alumnos localicen, sen máis, datos biográficos de Cervantes ou nomes dos ríos europeos.
As WQs pretenden cuestionar, favorecer que os estudiantes sexan críticos e creativos, que aporten solucións a problemas multifacéticos, que emitan xuízos, que analicen e sinteticen.
Unha boa webquest será aquela que se sustente nas características da aprendizaxe significativa, na que os novos coñecementos se incorporan en forma substantiva á estrutura cognitiva do estudante grazas a que o estudante relaciona os novos coñecementos cos seus coñecementos previos. Isto lógrase producindo a implicación afectiva do alumnado, é dicir, o alumnado quererá aprender aquilo que considere valioso.

Traballo colaborativo:

Un dos aspectos máis relevantes do traballo con webquests é a súa firme aposta polo traballo colaborativo. Nas WQs os estudantes asumen distintos roles dentro do grupo, obrigándolles a depender uns dos outros. Asemade, ó establecer na aula diversos grupos, conséguese aportar solucións diversas froito das investigacións e argumentacións dos seus membros.
Isto plásmase nas seguintes características:

  • Aprendizaxe colaborativa: esta metodoloxía baséase precisamente no traballo colaborativo.

  • Interdependencia positiva: O alumnado percibe que non poden ter éxito sen os outros.

  • Promoción da interacción: Os rapaces apréndense uns a outros e se estimulan mentres se esforzan nun traballo real.

  • Responsabilidade individual e de grupo: O grupo é responsable de completar a tarefa e cada individuo asumindo a súa parte de responsabilidade.

  • Competencias interpersoais e de grupos pequenos: A maioría dos rapaces necesitan que se lles ensine cómo traballar xuntos.

  • Proceso do grupo: A conversación sobre cómo mellorar a eficacia do grupo se constrúe deliberadamente no proceso.


Duración da actividade

5.- CÁNTO TEMPO LEVA A POSTA EN PRÁCTICA DUNHA WEBQUEST?

En canto a súa duración, hai 3 tipos de webquests:

  • Webquests de longo prazo: aplícanse nun número de sesións que varía dende unha semana a un mes. Implican un maior número de tarefas, máis profundas e elaboradas.

  • Webquests de curto prazo: teñen como obxectivo integrar un determinado contido dunha ou varias materias e deséñanse para ser rematadas en 2-3 sesións de 50'.

  • Miniquests: inspiradas no concepto das webquests, aplícanse nunha sesión de 50'. Se estás iniciándote na creación e aplicación das webquests, se tes limitacións de tempo ou se dispós dun número reducido de ordenadores, as miniquests poden ser unha boa opción.

Elección do tema

6.- CÓMO PODO SABER SE A MIÑA IDEA É REALMENTE UN BO TEMA?

En xeral, un tema será bo candidato para unha webquest se cumpre as seguintes características:

  • O tema ten certa complexidade. É controvertido e de carácter aberto, de xeito que presenta perspectivas múltiples sobre un mesmo aspecto, crenzas cambiantes, incógnitas, etc.

  • En outras palabras, a pregunta principal (a incluír na Introducción) está aberta a distintas interpretacións, argumentos e hipóteses e, en consecuencia, potencia habilidades de pensamento crítico.

  • O tema favorece que os estudantes traballen colaborativamente.

  • Hai suficientes recursos en Internet como para que os roles poidan levarse á práctica.

  • O tema ten o suficiente peso curricular como para compensar o tempo e esforzos adicados.

  • A pregunta principal propón interrogantes que as persoas consideran importante na vida real. É dicir, non se trata só dun traballo escolar.

Asemade, aconsellámoste a lectura do documento: Selección dun Proxecto de Webquest.

Paso a paso

7.- QUÉ PASOS TEÑO QUE DAR PARA FACER A MIÑA PROPIA WQ?

Bernie Dodge e Tom March propoñen dúas secuencias de elaboración que se resumen nos diagramas que se mostran a continuación.
En calquera caso, ningún destes autores aposta necesariamente por un proceso lineal porque a elaboración dunha webquest contén paradas de verificación (feed-back) para a redefinición dalgúns dos traballos feitos. O importante e que tí adaptes o proceso á túa forma de traballar, e se precisas saltar algunha fase, retroceder ou modificar a súa orde, síntete con liberdade de facelo.

Mans á obra

8.- PARA ELABORAR UNHA WEBQUEST É PRECISO UTILIZAR SOFTWARE ESPECÍFICO?

As webquests non son ferramentas informáticas, senón ferramentas de traballo intelectual. Esta reflexión debe estar presente en todo momento.
A metodoloxía das webquests non precisa de ningún software específico alén dos utilizados normalmente para navegar por Internet, elaborar páxinas web, escribir textos ou traballar con imaxes e debuxos. Isto fai que se adapte ao software instalado en todos os centros educativos, centrándose na metodoloxía pedagóxica e non nas tecnoloxías.

Facilitando o traballo

9.- QUÉ ME OFRECEN OS ASISTENTES PARA FACER WEBQUEST?

O principal obstáculo para deseñar unha webquest é dispoñer do tempo necesario para aprender a utilizar algunhas ferramentas de deseño de páxinas web. Por este motivo é frecuente facilitar plantillas que faciliten este traballo. Nesta liña hai mútiples asistentes en liña, Webquest Creator dá un novo paso ao ofertar unha ferramenta que automatiza todo o proceso e, a través de sinxelos formularios, permite construír a propia webquest e publicala directamente na Rede sen ter que pasar previamente polo trámite de aprender outras ferramentas de deseño de páxinas web.

Comezando coa tarefa

10.- CÓMO DESEÑAR A TAREFA?

1. Describe con claridade e esmero cál será o resultado do traballo dos seus estudantes. Axúdate consultando o listado de tarefas (tareonomía de webquest)

2. Non indiques os pasos que os estudantes deben dar. Esto corresponde ó seguinte apartado (Proceso).

3. Ten presente que a tarefa debe estar en consonancia cos criterios de avaliación do apartado Avaliación, expresados na grella ou rúbrica.

4. A tarefa é a parte máis importante da webquest. Tómate o teu tempo.

O Proceso

11.- QUE ASPECTOS HAI QUE TER EN CONTA A HORA DE DESEÑAR O "PROCESO" DUNHA WEBQUEST?

Hai que ter especial coidado coa redacción do Proceso co fin de evitar confusións entre o alumnado. Traballaremos sempre baixo a premisa de favorecer o desenvolvemento satisfactorio do traballo do alumnado.
Unha boa WebQuest proponlle aos estudantes cousas que normalmente non se espera que fagan, polo tanto hai que reforzar determinados aspectos clave, ata que os alumnos os interioricen e sexan capaces de traballar de forma autónoma.

Recepción: A Rede permite que os alumnos entren en contacto con recursos que poden non ter visto antes, polo tanto se non se lles prepara para extraer información de dito recurso é posíbel que o resultado sexa pobre. A axuda consistirá en proporcionarlles unha guía para ler dito recurso e para reter o que debe ser aprendido (guías de observación, consellos para conducir entrevistas, titoriais, dicionarios,...).

Transformación: As WQs pídenlle aos alumnos que transformen o que "len" nun produto novo. É moi útil para eles dispor unha axuda explícita para comparar e contrastar, relacionar (buscando relacións entre obxectos similares de estudio), facer un remuíño de ideas, razoar de xeito indutivo, tomar decisións, etc...

Produción: Normalmente as webquests pídenlle aos alumnos realizar traballos que nunca fixeran antes. O reforzo, neste caso, consistirá en proporcionarlles grellas ou incluír a descrición da estrutura do produto a desenvolver. Facendo unha parte do traballo dos alumnos, permíteselles ir máis alá do que eles poderían facer sós.

A rúbrica

12.- E CÓMO AVALÍO O TRABALLO DO ALUMNADO?

O alumnado debe ter presente en todo momento cómo, cándo e sobre qué será avaliado. Neste sentido é fundamental a utilización da "rúbrica" ou grella de avaliación.

  • A rúbrica é unha guia de traballo tanto para os alumnos como para os profesores que normalmente se entrega aos alumnos antes de iniciar un determinado traballo para clarificarlles de antemán os criterios que serán utilizados para xulgar o seu traballo.

  • A rubrica é unha ferramenta de avaliación usada para medir o traballo dos alumnos e concrétase nunha guía que contempla unha serie completa de criterios de avaliación evitando a simple avaliación cuantitativa.

  • A rúbrica favorece o proceso de ensino-aprendizaxe.

  • A rúbrica contesta ás preguntas:

    • Cales son os criterios polos que será avaliado o traballo?

    • Cales son as diferenzas entre un bo traballo e un traballo elemental?

    • Como podemos asegurarnos de que os nosos xuízos sexan válidos e obxectivos?

  • Para elaborar unha rúbrica haberá que:

    • Xerar un listado de aspectos susceptibles de ser avaliados.

    • Seleccionar un número razoable de aspectos para seren avaliados.

    • Describir os mínimos a acadar para cada puntuación.

Para saber máis aconsellámoste a lectura do artigo creación dunha rúbrica para unha tarefa concreta

A importacia da conclusión

13.- É IMPORTANTE A "CONCLUSIÓN" DA WEBQUEST?

A conclusión resume a experiencia e estimula a reflexión acerca do proceso de tal xeito que estenda e xeneralice o aprendido.
Apréndese facendo, pero apréndese mellor reflexionando acerca do que se fixo.

Avaliando

14.- A MIÑA WQ ESTÁ DESEÑADA, PERO ANTES DE POÑELA EN PRÁCTICA NA AULA GUSTARÍAME AVALIALA. HAI ALGUNHA GRELLA DE AVALIACIÓN?

Si, hai varias grellas de avaliación ou "rúbricas" de webquests:

  • Rúbrica orixinal de Bernie Dodge.
  • Rúbrica orixinal de Tom March.
  • Rúbrica simplificada de Eduardo Crego Alonso.

Para sabermos máis

15.- ONDE PODO APRENDER MÁIS SOBRE ESTA METODOLOXÍA?

Na rede hai multitude de recursos sobre webquest. Propoñémoste este minititorial.
Asemade, estanse a desenvolver actividades de formación nos CFRs de Galicia co obxecto de profundar nesta e noutras metodoloxías de traballo baseadas en Internet. Dende aquí propoñemosvos materiais para a autoformación como o curso de webquest do ITE e tamén a adaptación da proposta de B. Dodge Unha webquest sobre webquest, elaborada no seo do Proxecto Lanzadeira.